Novas  >> NEPAL: Suspensión, tramitación excepcional e apertura de segundos expedientes

Novas

20/05/2010

NEPAL: Suspensión, tramitación excepcional e apertura de segundos expedientes

A Comisión Interautonómica de Directores e Directoras Xerais de Infancia, en reunión do 20 de maio de 2010, adoptou os seguintes acordos sobre este país:
 
1.        Non admitir provisionalmente novas solicitudes de adopción internacional para Nepal.
2.        Suspender cautelarmente o envío de novos expedientes, tanto por ECAIS coma polas administracións públicas, facendo un seguimento da evolución da situación da adopción en Nepal, en cooperación coa embaixada española e tendo en conta os traballos e información da Conferencia da Haia de Dereito Internacional Privado.
3.         A tramitación excepcional no ano 2010 dos seguintes expedientes:
-        Os 10 con neno preasignados tramitados pola ECAI Niños sin Fronteras pendentes de envío para finalizar o total destes expedientes.
-        2 expedientes con neno preasignado pendentes de envío a través do Ministerio de Sanidade e Política Social.
-        9 dos 10 expedientes tramitados no 2009 por Niños sin Fronteras e que por decisión da Comisión Interautonómica de Directores Xerais foron retirados de Nepal, para ser substituídos na cota do 2009 por 10 de neno preasignado.
-        4 expedientes xestionados por 2 ECAIS españolas que non cubriron a súa cota de 10 do ano 2009 e que polo tanto non foron presentados.
 
Para a tramitación destes expedientes, os 10 primeiros serán xestionados pola ECAI Nenos sen Fronteiras, os 2 seguintes a través do Ministerio e para os 13 restantes as Comunidades Autónomas afectadas farán as xestións oportunas para que poidan ser tramitados a través de 2 ECAIS, tratando de conseguir unha concentración equitativa do número de expedientes en cada ECAI.
 
4.        Posibilitar aos solicitantes en lista de espera a apertura dun segundo expediente de solicitude de adopción noutro país.
5.        Manter informados os solicitantes dos acordos anteriores, así como da situación da adopción en Nepal e as perspectivas.
 
Esta decisión, está motivada no feito de que os informes de diferentes organismos internacionais reflicten unha situación en Nepal na que non se dan nestes momentos as garantías necesarias nos procedementos de adopción, aconsellando cambios lexislativos importantes e dos procedementos e a suspensión temporal das adopcións internacionais.
 
Por outra parte, tendo en conta o número elevado de expedientes presentados e en trámite en Nepal e os existentes nas Entidades Públicas e as ECAIS pendentes de envío a Nepal, así como a cota actualmente fixada pola autoridades do devandito país, aconsella non admitir novas solicitudes xa que, só coas anteriores e aínda no suposto de que fose posible a súa tramitación, se tardaría varios anos en ultimar a súa resolución.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a