Novas  >> ETIOPÍA: situación actual da adopción no país

Novas

22/07/2011

ETIOPÍA: situación actual da adopción no país

As prioridades das autoridades etíopes no ámbito da protección á infancia son mellorar os sistemas de prevención e protección, formar profesionais, controlar e supervisar os centros de menores en mans privadas, fomentar o acollemento familiar e figuras afíns á adopción nacional e controlar a actuación das ECAIS.
Neste contexto, a adopción internacional non resulta prioritaria, o que levou ao Ministerio da Muller a tomar a decisión de reducir a 5 o número de expedientes de adopción internacional que ían ser estudados cada día (para todo o mundo), o que supón a redución nun 90 % do volume de tramitación que se viña facendo.
As informacións que se están a recibir respecto da aplicación efectiva desta medida son pouco claras e contraditorias (segundo as últimas informacións, parece que o número medio de expedientes que se estuda diariamente é de 15). Non obstante consideramos fundamental comunicar ás familias a realidade nas listas de espera e nos tempos de tramitación, para que poidan libremente tomar a decisión de solicitar ou non a adopción para este país.
Segundo as últimas informacións recibidas no presente mes, do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, esta redución no número de casos a estudar por día, orixinou que o número de novas solicitudes para o país reducírase nun 40% e que as adopcións culminadas mensualmente baixaran de 318 a 114.
No momento actual, en Galicia, existen 157 solicitudes de adopción para Etiopía co certificado de idoneidade, 73 delas nas ECAIs, pendentes de enviar ao país, 66 enviadas ao país, pero sen menor asignado e 18 con menor asignado, pendentes de finalizar.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a