Recibiuse información procedente da embaixada de España en Bulgaria, acerca da situación da adopción nese país. De acordo coa devandita información, a situación actual é a seguinte:
-En Bulgaria hai unha gran cantidade de nenos en centros.
-As autoridades están a tentar mellorar os procedementos administrativos para que os menores que o necesiten poidan ser adoptados. Así mesmo, tamén se está a analizar por que moitos nenos chegan á maioría de idade nestas institucións sen ser adoptados.
-A raíz das modificacións do Código de Familia, que entrou en vigor o 01/10/2009, axilizouse o paso dos nenos das listas de adopción nacional a internacional. Transcorridos 6 meses sen que un menor inscrito na lista de adopción nacional sexa adoptado, este pasa á lista de menores adoptables internacionalmente.
-Un dos problemas para afrontar os cambios acaecidos é a falta de medios no país. Así, o Consello de Adopcións Internacionais, órgano responsable de tramitar as adopcións internacionais, tramita moi poucos expedientes, ao carecer de persoal abondo e presentar unha excesiva burocratización e lentitude na tramitación.
-O Ministerio de Xustiza segue dando prioridade aos nenos con necesidades especiais ou maiores de 3 anos. Estes expedientes, tramítanse con preferencia. Non obstante, o número de menores de 3 anos propostos para adopción internacional está a crecer.
Por outra banda, sinalar que o número de solicitantes de adopción españois constitúe unicamente o 10% do total das solicitudes estranxeiras, despois de reducirse drasticamente nos últimos anos.
En definitiva, existe en Bulgaria unha vontade de cambio e axilización das adopcións internacionais, se ben é preciso ter cautela e esperar resultados inmediatos, dadas as carencias que as propias autoridades do país manifestan.