Novas >> NEPAL: posibilidade de tramitar excepcionalmente un segundo expediente para outro país
Novas
05/01/2011
NEPAL: posibilidade de tramitar excepcionalmente un segundo expediente para outro país
Debido á situación pola que atravesa a adopción en Nepal, onde non existen as garantías necesarias e suspendeuse o envío de novos expedientes, e tendo en conta os acordos adoptado na última reunión de Directores e Directoras Xerais de Infancia, a Secretaria Xeral de Familia e Benestar ten decidido autorizar, de forma excepcional, aos solicitantes que fosen declarados idóneos para este país e que non cambiaran xa o seu expediente para un destino diferente (en virtude de resolución de 16/10/2007), a apertura simultánea dun segundo expediente para outro país.
Os solicitantes que desexen acollerse a esta posibilidade deberán comunicalo ao departamento territorial correspondente ao seu domicilio, indicando a que outro país desexan dirixirse, no prazo dun mes desde o día seguinte no que se lles notifique a resolución que o autoriza, de data 27 de decembro de 2010 (mesmo prazo que para interpoñer recurso de alzada contra a devandita resolución, se é o caso). Se, transcorrido este periodo, os solicitantes non optaron pola apertura simultánea dun novo expediente, continuarase a tramitación do seu expediente exclusivamente en Nepal.
Os solicitantes que opten por abrir un segundo expediente, unha vez reciban a asignación dun menor dun dos dous países, deberán renunciar ao outro expediente sen asignación en 10 días desde que llo comunique o seu departamento territorial. Transcorrido o devandito prazo sen que se manifesten ao respecto, entenderase que optan por continuar a tramitación do expediente no país no que se produciu a asignación, arquivándose automaticamente o outro.