Novas  >> Colombia suspende a recepción de solicitudes de familias estranxeiras que desexen adoptar menores de 0 a 6 anos

Novas

11/06/2013

Colombia suspende a recepción de solicitudes de familias estranxeiras que desexen adoptar menores de 0 a 6 anos

Tamén prohibe o financiamento de proxectos de axuda humanitaria por parte dos organismos acreditados para a adopción e as donacións por parte das familias adoptantes.

Mediante resolución do Instituto Colombiano de Benestar Familiar (ICBF) do 6 de xuño de 2013, adoptáronse as seguintes decisións:
1.         Suspender temporalmente, durante 2 anos e a partir do 15 de xullo de 2013, a recepción de novas solicitudes de familias estranxeiras que desexen adoptar un neno ou nena san, entre 0 e 6 anos, ou dous irmáns onde o maior teña ate 6 anos e 11 meses, sen características ou necesidades especiais. (ver ficha do país).
 
Esta decisión non se aplica a familias colombianas residentes no estranxeiro nin a familias que xa adoptaron e expresaron a súa vontade, dentro do proceso de adopción ou no seguimento postadoptivo, de adoptar en calquera momento un irmán ou irmá do seu fillo ou filla.
A decisión baséase na existencia, na data do acordo, de 3.883 familias con idoneidade en lista de espera, un 10% delas colombianas, e das cales 3.564 foron preseleccionadas para menores de 0 a 6 anos, así como no tempo de espera actual, de aproximadamente sete anos, para as familias estranxeiras que desexen adoptar un neno ou nena deste tramo de idade. 
Esta suspensión non afectará ás familias residentes no estranxeiro, que con data anterior a 15 de xullo de 2013, figuren en lista de espera ou estean radicadas e en trámite para refrendar a idoneidade en Colombia.
2.       Prohíbese o financiamento de proxectos de axuda humanitaria por parte de organismos acreditados no programa de adopcións, ou con recursos que proveñan de familias adoptantes.
 
3.       Reitérase que de acordo coa regulación legal vixente:
 
-          Nin o ICBF nin as institucións autorizadas por este para desenvolver o programa de adopcións poderán cobrar directa ou indirectamente cantidade ningunha pola entrega dun menor para ser adoptado.
-          En ningún caso poderá darse recompensa aos pais pola entrega que fagan dos seus fillos para seren dados en adopción nin exercer presión ningunha sobre eles para obter o seu consentimento.
-          Tampouco poderán recibir doazóns procedentes de familias adoptantes previamente á adopción.
-          Quedan absolutamente prohibidas as doazóns de persoas naturais ou institucións estranxeiras ás institucións colombianas como retribución pola entrega de menores en adopción.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a