Novas >> UCRAÍNA e o Convenio da Haia de Adopción Internacional
Novas
04/01/2011
UCRAÍNA e o Convenio da Haia de Adopción Internacional
En relación á evolución do proceso de adhesión de Ucraína ao Convenio da Haia de 1993, relativo á Protección do Neno e á Cooperación en materia de Adopción Internacional, o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, con data 21 de decembro de 2010, e sobre a base de información procedente da embaixada española en Kiev, comunica o seguinte:
-Unha gran parte da opinión pública e clase política de Ucraína non ve con bos ollos o actual réxime de adopción internacional en Ucraína.
-O país segue sen ratificar o Convenio da Haia, polo que a relación entre adoptantes e institucións se realiza fóra dun marco regulado, cheo de facilitadores informais e que non protexe, coas debidas garantías, o interese superior do menor.
-Na prensa son frecuentes as noticias de abusos cometidos sobre menores ucraínos ou rusos polos seus pais adoptivos.
Neste contexto, é preciso examinar as dúas iniciativas lexislativas que, no momento actual, se están a producir:
-O borrador de lei sobre moratoria de adopción nacional: este borrador, xa presentado en 2009, foi aprobado novamente o pasado 2 de novembro de 2010 polo Parlamento (en primeira lectura e por ampla maioría). Este proxecto de lei impide a adopción internacional en Ucraína, salvo que exista un Convenio Bilateral ou se os adoptantes son parentes do menor. Este proxecto necesita aínda dúas votacións máis no Parlamento para ser enviado ao Presidente e ser sancionado como lei (descoñecéndose que número de deputados estarán dispostos a votalo favorablemente en 2ª e 3ª lectura).
-O Ministerio de Xustiza, Familia, Xuventude e Deporte e Asuntos Exteriores (competentes en materia de adopción internacional) mostráronse contrarios a este proxecto, presentando en decembro ante a Administración Presidencial outro proxecto de lei de ratificación do Convenio da Haia.
É probable que, se a Administración Presidencial envía proximamente ao Parlamento un proxecto de lei de ratificación do Convenio da Haia, a iniciativa de moratoria se retire. Non obstante, podería finalmente demorarse ou non se presentar este proxecto e, pola contra, aprobarse o proxecto de moratoria, o que podería afectar ás adopcións en curso (así como, evidentemente, ás futuras adopcións no país).