Novas >> VIETNAM: situación da adopción internacional e tramitación dos expedientes pendentes no país
Novas
10/04/2013
VIETNAM: situación da adopción internacional e tramitación dos expedientes pendentes no país
En relación coa situación da adopción internacional en Vietnam continúa suspendido o envío de novas solicitudes de adopción, excepto para a adopción de menores con necesidades especiais.
Todas as ECAI acreditadas en Galicia para Vietnam (Adecop, ACI e Interadop) teñen vixente a súa acreditación no país e, polo tanto, poderán recibir asignacións para menores da lista 1 (menores sans ata 5 anos), cando lles asignen cota para o presente ano, e da lista 2 (nenos/as maiores de 5 anos e/ou con discapacidade ou enfermidades graves) sen suxeición a cota.
En relación cos expedientes de adopción internacional da lista 1 que están pendentes resolver no país, das ECAI ACI e Interadop, terán que ser rexistrados de novo no DA seguindo a mesma orde do rexistro inicial.
Actualización dos certificados de idoneidade:
Os técnicos das xefaturas territoriais contactarán coas familias solicitantes para actualizar os seus certificados de idoneidade, seguindo a orde de rexistro inicial no país, comunicado polas ECAI.
No momento da actualización, a familia poderá modificar, se o desexa, o seu ofrecemento. Así, poderá dirixilo unicamente para lista 1, para a lista 2 ou ben para ambas as dúas listas simultaneamente.
Se o ofrecemento da familia é para un/a neno/a san/a na valoración actualizarase en todo caso o rango de idade do/da menor en función da idade actual da familia solicitante. Se este é para menores con necesidades especiais poderase flexibilizar a diferenza máxima de idade, en función do que se considere conveniente ao interese do/da menor.
Rexistro dos expedientes:
As ECAI rexistrarán os expedientes da lista 1 só a medida que reciban cota no país, seguindo a orde estrita de rexistro inicial. O único motivo válido para non manter a dita orde será a solicitude da propia familia ou ben por inactividade desta logo dun período razoable, do que quede constancia expresa. Non se admitirá ningún tipo de trato preferente a familias dunha determinada comunidade autónoma respecto das outras.
Os expedientes da lista 2 rexistraranse a medida que se reciban peticións por parte do país . Se dúas familias cumprisen en igualdade as condicións de idoneidade para un/a mesmo/a menor seguiríase estritamente a orde de rexistro orixinario.
Os expedientes das familias con certificado de idoneidade para as listas 1 e 2 poderanse rexistrar cando lle corresponda pola orde de prelación da lista 1 ou cando se reciba unha petición para un/a menor de lista 2 que coincida coas características que asuma.
Co obxecto de verificar que se cumpren estas condicións, as ECAI comunicarán á Dirección Xeral de Familia e Inclusión os expedientes que se vaian rexistrando en cada momento. Así mesmo, no caso de que se salte a orde de prelación dunha familia por petición expresa desta ou inactividade, deberá xustificalo documentalmente.
Aceptación da asignación:
Cando se reciba unha asignación, os equipos de adopción das xefaturas territoriais deberán comprobar que se axusta ao perfil do certificado de idoneidade actualizado, previamente á súa comunicación á familia solicitante.