Novas  >> FILIPINAS: cotas e tempos de espera actuais facilitados polo ICAB

Novas

08/11/2012

FILIPINAS: cotas e tempos de espera actuais facilitados polo ICAB

Como continuación da noticia publicada o pasado 18 de outubro, infórmase do seguinte:
 
En relación á moratoria establecida polo Intercountry Adoption Board filipino (ICAB) o pasado 17 de decembro de 2010, e dado que non deu os resultados esperados de diminuír o tempo de espera ata a asignación (parece que mesmo se incrementou en determinados supostos), o ICAB decidu suspender a devandita moratoria e establecer os criterios (agás para a adopción de menores con necesidades especiais e parentes) para a asignación de menores a cada ECAI/autoridade central:
·      O tempo de espera desexado que se utilizará para determinar o número de novas solicitudes que poden aceptarse de cada ECAI/autoridade central será de 1,5 anos.
·      O número de menores que se asignarán a cada ECAI/autoridade central basearase na media de menores que foron asignados a cada unha delas en cada rexión (as rexións son EUA, Europa, Canadá e Asia-Pacífico), podendo establecerse unha diferenza máxima dun 15% entre as entidades máis grandes e as máis pequenas.
·      Para determinar o número de asignacións anuais usaranse os datos dos 3 anos anteriores á moratoria actual (2008, 2009 e 2010).
Segundo os datos facilitados polo ICAB, a ECAI ACI ten nestes momentos en Filipinas 316 solicitudes pendentes. No ano 2012 asignaranlle 6 menores máis, establecéndose un total de 10 asignacións para o 2013.
 
Respecto aos expedientes pendentes no país tramitados a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o ICAB informa que ten en espera 40 expedientes. En 2012 realizarase unha nova asignación, estando previstas 2 asignacións para o 2013.
Todo isto leva a pensar, como se comunicou neste Portal o pasado 18 de outubro, que os tempos de espera se alonguen considerablemente.
 
Non obstante, dado que a información que facilitou o ICAB é de difícil interpretación e xorden dúbidas acerca da súa aplicación e efectos, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade formularalle unha consulta co obxecto de poder informar de forma veraz e adecuada ás familias, evitando facerse eco de informacións ou opinións non contrastadas. Unha vez que se reciban estas aclaracións farémolas públicas inmediatamente a través deste Portal.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a