A adopción internacional ten lugar cando se produce o traslado dun menor con fins adoptivos desde o seu Estado de orixe, onde reside, cara a outro Estado (de recepción) no que residen os pais/nais adoptivos.
Antes de decidir ofrecerse para unha adopción internacional debe facerse un fondo exercicio de reflexión sobre a asunción de responsabilidades e compromisos que comporta a crianza e educación dun neno.
En ocasións, as persoas que queren ofrecerse para a adopción están motivadas por sentimentos de solidariedade coa infancia desfavorecida, pero non se debe confundir solidariedade con paternidade. Existen diferentes maneiras de ser solidario, pero a adopción non é unha delas.
Na adopción dun menor de orixe estranxeira intervén, ademais da lexislación española, a do país de orixe do neno; entre elas hai toda unha serie de diferenzas, que van desde os requirimentos esixidos ata os efectos que se outorgan á adopción, pasando polo procedemento de constitución da adopción ou as autoridades que nel interveñen.
Que o menor pertenza a un país distinto implica diferenzas culturais, étnicas e de idioma, que imprimen a estas adopcións características propias. Este factor incrementa as dificultades de adaptación ás condicións da unidade familiar, que se verá modificada pola incorporación dun novo membro cunha historia allea a esta, e requirirá un considerable esforzo de acomodación.