Con carácter xeral só poden ser adoptadas/os as/os menores non emancipadas/os. Destes, unicamente son susceptibles de adopción aqueles nos que concorre algunha das seguintes circunstancias:
·Que os seus pais fosen privados da patria potestade.
·Que os pais desen a súa conformidade para a adopción. No caso de recén nacidos, o asentimento da nai non poderá prestarse ata que teña transcorrido 6 semanas desde o parto.
·Que fosen abandonadas/os.
Se o/a neno/a é maior de doce anos, deberá prestar o seu consentimento para ser adoptado/a.
Estes menores, cando chegan á familia adoptiva, fano cunha bagaxe de experiencias que na súa maior parte serán descoñecidas para os novos pais/nais e darán lugar a reaccións que requiren grandes cantidades de paciencia e esforzo por parte das persoas adoptantes. Para acompañar esas situacións problemáticas os adoptantes teñen que poñer en práctica pautas educativas claras e non contraditorias para que o neno ou nena poida estruturar o seu comportamento e relacionarse co seu contorno de xeito favorable, favorencendo a creación dun vínculo de apego seguro.
Os pais adoptivos deben educar ás fillas e os fillos, facilitándolles aqueles elementos de seguridade, aceptación, afecto e solidariedade que se deben dar nunha familia.