No noso país, a adopción constitúe o acto xurídico mediante o que se establece unha relación xurídica de filiación entre as persoas adoptantes e o/a menor (neno, nena, adolescente), extinguíndose así os vínculos deste/a coa súa familia de orixe e integrándose plenamente no seu novo núcleo familiar, cunha equiparación plena de dereitos coa familia biolóxica. En España, a adopción é plena, xa que supón unha ruptura total dos vínculos xurídicos do/a menor coa súa familia biolóxica.
A adopción constitúese por resolución xudicial, que terá en conta sempre o interese do adoptando (é dicir, da nena ou neno) e é irrevogable. Trátase dunha medida protectora presidida pola busca do interese superior do/a menor e o respecto dos seus dereitos fundamentais.
O neno ou nena son o punto de partida do proceso que culmina coa súa adopción. Partindo do principio básico e fundamental de garantir a prevalencia do seu interese supremo, na adopción trátase de atoparlle a mellor familia aos nenos, nenas ou adolescentes, e non de atopar unha nena ou neno para satisfacer a necesidade das familias.