Menores que os seus pais ou un deles (cando é o que ostenta a representación legal) faleceron, están desaparecidos, foron privados da patria potestade, son incapaces ou deron o seu consentimento por escrito para a adopción. Os menores deben estar inscritos, durante un período de 14 meses, nas listas do Rexistro Federal de Menores. Esta inscrición ten por obxecto verificar que non existe posibilidade de colocar ao neno en Rusia e, polo tanto, que ten respectado o principio de subsidiariedade. Existen 3 prazos sucesivos (Rexistro municipal: 1 mes; Rexistro rexional: 1 mes; e Rexistro federal: 12 meses), polo tanto, un menor só pode ser adoptable internacionalmente a partir dos 14 meses de idade.
Os solicitantes están autorizados a coñecer o informe médico do neno e poden solicitar, logo de autorización do director do centro de menores, realizar unha visita médica complementaria, asumindo o custo.
A diferenza de idade entre o adoptante e o adoptado debe ser de, polo menos, 14 anos.
Os maiores de 10 anos deberán dar o seu consentimento á adopción.
Documentación necesaria:
Solicitude de adopción dirixida á rexión concreta.
Solicitude dirixida ao Banco Rexional de Datos.
Certificado de nacemento.
Copia dos pasaportes e documentos de identidade.
Certificado de matrimonio.
Certificado médico.
Certificado de penais.
Contrato de aluguer ou acreditación de propiedade.
Certificado de ingresos ou certificación de emprego que comprenda os ingresos anuais e as funcións que se desempeñan.
Declaración de bens.
Autorización de entrada e residencia do neno no país receptor.
Compromiso de inscribir o neno no Consulado da Federación de Rusia do seu lugar de residencia.
Certificado de idoneidade.
Informe psicosocial.
Compromiso de seguimento.
Fotografías dos solicitantes e domicilio.
(A documentación a presentar pode variar en función da Rexión).
Todos os documentos deben estar apostillados e traducidos ao ruso posteriormente. A tradución ou a firma do tradutor debe ser compulsada no Consulado da Federación Rusa en España ou, no caso de que se opte por facer a tradución na Federación Rusa, esta deberá ser compulsada por un notario no devandito país. Todos os documentos se presentarán por duplicado.
A maiores, deberá aportarse a documentación esixida en Galicia.
Embaixada en España:
Embajada de la Federación Rusa
Velázquez, 155 - 28002 Madrid
Teléfono: 915622264 / 914110807 Fax: 915629712
Estancia esixida no país:
1ª estancia: para coñecer ao/á menor e presentar no xulgado a demanda de adopción, se procede.
2ª estancia: para asistir ao xuízo.
3ª estancia: cando recaia a sentenza de adopción.
Informes de seguimento:
Dende a entrada en vigor da autorización xudicial da adopción, informes aos 2, 5, 11, 23 e 35 meses
A partir do mes 35, informe cada 23 meses ata os 18 anos.
Lexislación:
Decreto nº 275, do 29 de marzo de 2000, referente ao “procedemento de entrega de menores en adopción e as actividades de control sobre as súas condicións de vida e educación en familias de pais adoptivos no territorio da Federación Rusa".
Lei Federal nº 44-FZ, do 16 de abril de 2001 relativa ao Banco de Datos Nacionais de nenos sen familia, modificada pola Lei Federal nº 185-FZ de 28 de decembro de 2004 (entrada en vigor o 10 de xaneiro de 2005).
Lei Federal nº 62-FZ de 31 de maio de 2002 sobre a nacionalidade da Federación Rusa.
Lei Federal 167-F3 "Sobre Modificacións parciais da Lexislación Federal en materia de menores orfos e menores non sometidos a patria potestade" (En vigor dende o 3 de xullo de 2013)
Decreto nº 217 de 4 de abril de 2002, sobre o banco de datos estatal de menores que quedaron sen tutela dos pais e o control para a súa formación e utilización.
Decreto nº 654 de 4 de novembro de 2006 "Sobre a actividade dos organismos e as entidades estranxeiras en materia de adopción de menores no territorio da Federación Rusa e o control da devandita actividade"
Orde nº 347 de 12 de novembro de 2008 "Sobre a aprobación do Regulamento Administrativo do Ministerio de Educación e Ciencia da Federación Rusa relativo ás funcions do operador federal do banco estatal de datos dos menores desamparados e a expedición das autorizacións de adopción preliminares".
Orde nª 270 de 27 de xullo de 2009 do Ministerio de Educación e Ciencia da Federación Rusa "Sobre a aprobación do Regulamento administrativo relativo ao cumprimento da función estatal de expedición das autorizacións para abrir as oficinas de representación dos organismos e entidades estranxeiras en materia de adopción no territorio da Federación Rusa, así como a expedición das autorizacións para a actividade dos organismos e as entidades estranxeiras en materia de adopción no territorio da Federación de Rusia e o control da súa actividade".
Orde nº 1681 do 23 de maio de 2011 "de aprobación do programa preliminar de preparación de persoas que desexen ser titores ou curadores de menores de idade, ou que desexen acoller na súa familia os menores abandonados, segundo outras formas permitidas na lexislación rusa en materia de familia"
Decreto nº 725 do 22 de agosto de 2013 "Sobre a inclusión de emendas nas regras de introdución no rexistro das oficinas consulares rusas dos menores de idade de nacionalidade rusa que se adoptasen por nacionais estranxeiros ou apátridas, e na regulamentación da actividade dos organismos e as entidades estranxeiras encargadas da adopción de menores de idade no territorio ruso e do control da súa actividade".
Código da Familia da Federación Rusa, especialmente artígos 124-165. Código de Leis da Federación de Rusia, 1996, Nº 1, artigo 16; 1998 Nº 26, artígo 3014).
Disposición 117 de 14 de febreiro de 2013, sobre a avaliación médica dos solicitantes.
Novo Convenio Bilateral sobre adopción internacional coa Federación Rusa, firmado o 9/7/2014 (BOE 27/3/2015).