En que consisten a legalización e a autenticación?
Os documentos, para que teñan validez noutro país, deben enviarse legalizados e autenticados. Ademais, no caso de países de distinto idioma, deben enviarse traducidos, agás que o país permita realizar a tradución nel.
A autenticación é un acto xurídico que dá fe da veracidade do texto adoptado, que quedará establecido como auténtico e definitivo. É esixida por algúns países para a documentación que lles é remitida e realízase polas representacións diplomáticas dos países en España (Embaixadas e Consulados).
A dilixencia de legalización consiste nun recoñecemento de sinatura mediante o que unha autoridade que teña atribuída a competencia para tal fin declara a autenticidade da sinatura do signatario dun documento. Na Comunidade Autónoma, os documentos poden ser legalizados polo secretario xeral da Consellería de Política Social, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.
A legalización de documentos públicos estatais ou doutra Comunidade Autónoma realizarase pola autoridade competente da correspondente administración.
A legalización de documentos privados deberá ser realizada por notario.
Non obstante, o Convenio da Haia do 5 de outubro de 1961 suprimiu a esixencia de legalización de documentos públicos estranxeiros expedidos nos países signatarios do dito convenio, substituíndo a cadea de legalizacións sucesivas e superpostas por un único trámite denominado “apostila” ou “legalización única”.
Qué documentos poden apostilarse? Os documentos públicos
a) Documentos xudiciais:
Documentos expedidos por unha autoridade ou funcionario vinculado a una xurisdición do Estado, incluíndo os do Ministerio Público ou dun secretario, oficial ou axente xudicial.
b) Documentos administrativos expedidos por:
- A Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos, entidades xestoras da Seguridade Social e entes públicos.
- Os órganos constitucionais.
- As administracións das comunidades autónomas e os seus organismos autónomos.
- A administración local e os seus organismos públicos.
- Os documentos e certificacións expedidas polos rexistros da propiedade, mercantís e de bens mobles e, no seu caso, o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España.
c) Certificacións oficiais que se puxeran sobre documentos privados, tales como a certificación do rexistro dun documento nunha entidade pública, a certificación sobre a certeza dunha data e as autenticacións oficiais e notariais de sinaturas en documentos de carácter privado.
Sen embargo, non se aplicará a:
- Os documentos expedidos por funcionarios diplomáticos ou consulares,
- Os documentos administrativos relacionados directamente cunha operación comercial ou aduaneira,
- Os documentos que, en aplicación doutros convenios internacionais, estean exentos de ser legalizados ou apostilados.
Onde se pode acudir para apostilar un documento?
1. Documentos públicos administrativos (algúns documentos administrativos precisan de recoñecemento previo de sinatura, legalización) e xudiciais (incluídos documentos do Rexistro Civil):
- Oficina Central de Atención ao Cidadán do Ministerio de Xustiza.
- Xerencias territoriais do Ministerio de Xustiza e oficinas delegadas de Ceuta e Melilla.
- Secretarías de Goberno dos Tribunais Superiores de Xustiza e das cidades de Ceuta e Melilla.
2. Documentos notariais e os documentos privados cuxas sinaturas foran lexitimadas ante notario:
- Colexios notariais ou aqueles notarios en quen deleguen.
O resto de documentos privados non poderán ser obxecto de apostila ou legalización única.
3. Documentos públicos xudiciais expedidos pola Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo:
- Secretarios de goberno dos respectivos tribunais ou en quen eles deleguen.
A legalización única ou apostila pode emitirse tanto en soporte papel como electrónico, sendo igualmente válidos, coa única diferenza de que na apostila electrónica a firma é electrónica.
Son Estados parte do Convenio da Haia, do 5 de outubro de 1961, sumprimindo a esixencia da legalización dos documentos públicos estranxeiros: Africa do Sul, Albania, Alemaña, Andorra, Antigua e Barbuda, Arabia Saudita, Arxentina, Armenia, Australia, Austria, Azerbaidxán, Bahamas, Bahrain, Bangladesh, Barbados, Bélxica, Belize, Bielorrusia, Bolivia, Bosnia e Herzegovina, Botswana, Brasil, Brunei, Bulgaria, Burundi, Cabo Verde, Chile, China, Chipre, Colombia, Cook (Illas), Costa Rica, Croacia, Dinamarca, Dominica, Ecuador, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estados Unidos, Estonia, Fiji (Illas), Filipinas, Finlandia, Francia, Granada, Grecia, Guatemala, Güiana, Honduras, Hungría, India, Indonesia, Irlanda, Islandia, Israel, Italia, Kazakhstán, Kirguizstán, Lesotho, Letonia, Liberia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macedonia, Malawi, Malta, Marrocos, Marshall (Illas), Mauricio (Illa), México, Moldova (República de), Mónaco, Mongolia, Montenegro, Namibia, Nicaragua, Niue (Illa), Noruega, Nova Zelandia, O Salvador, Omán, Países Baixos, Pakistán, Palau, Panamá, Paraguai, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, República de Corea, República Dominicana, Romanía, Rusia, Rwanda, Samoa, San Cristovo e Neves, San Marino, San Vicente e as Granadinas, Santa Lucía, San Tomé e Príncipe, Senegal, Serbia, Seychelles (Illas), Singapura, Sudáfrica, Suecia, Suiza, Suriname, Swazilandia, Tadkjiskistán, Tonga, Trinidad e Tobago, Turquía, Tunisia, Ucraína, Uruguai, Uzbekistán, Vanuatu, Venezuela, Xamaica, Xapón e Xeorxia (actualizado en maio de 2022).
Todos estes trámites son realizados polo OAA, se intervén na tramitación. Os custos da tramitación corren a cargo da/s persoa/s interesada/s.