A adopción é un recurso legal dirixido a proporcionarlle un fogar permanente ao neno, nena ou adolescente que se atopa en situación de abandono ou desamparo.
Segundo se sinala na Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, aprobada e ratificada por España o 30 de novembro de 1990, "os Estados Partes que recoñecen ou permiten o sistema de adopción coidarán de que o interese superior do neno sexa a consideración primordial".
En España, estase producindo unha diminución progresiva do número de nenas, nenos e adolescentes susceptibles de ser adoptadas/os, consecuencia entre outros factores, do desenvolvemento do sistema de protección á infancia, da evolución favorable das condicións socioeconómicas e do descenso xeneralizado da taxa de natalidade.
Noutros países, a adopción internacional, é unha medida subsidiaria da adopción nacional, e doutras medidas do sistema de protección de menores, polo que aumenta progresivamente o número de persoas que se ofrecen para a adopción mentres diminúe o número de nenos, nenas e adolescentes en situación de adoptabilidade.
Para garantir que o proceso de adopción internacional se leve a cabo respectando os dereitos dos e das menores e previr a súa substracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995.
Tal e como recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989, todos os nenos e nenas teñen dereito a medrar nunha familia.
Por outra banda a Lei 54/2007 de adopción internacional, establece as funcións das administracións públicas en materia de adopción internacional e as dos Organismos Acreditados de Adopción internacional (OAA) colaboradores nesta materia, así como a necesidade de que as persoas que se ofrecen para a adopción sexan declaradas idóneas pola entidade pública competente.
A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, é a entidade pública competente en materia de protección de menores en Galicia, e competente así mesmo, para tramitar os procedementos de adopción e presentar proposta de adopción ante o/a xuíz/a no caso da adopción nacional.
O obxectivo deste Portal, é facilitar e axudar a aquelas persoas que desexen ofrecerse para adoptar a un neno, nena ou adolescente, nacional ou estranxeiro/a.
Pretendemos proporcionarlles elementos de reflexión sobre o alcance da súa decisión, confrontando as súas expectativas coa realidade, informar sobre o proceso legal, e dar resposta ás preguntas máis habituais das persoas que se ofrecen para a adopción.
"Un xeito de facer Europa"