A adopción é un recurso legal dirixido a proporcionarlle un fogar permanente ao neno ou nena que se atopa en situación de abandono ou desamparo.
Segundo se sinala na Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de Novembro de 1989, aprobada e ratificada por España o 30 de novembro de 1990, “Os Estados partes que recoñecen ou permiten o sistema de adopción cuidarán de que o interese supremo do neno sexa a consideración primordial (...)”.
En España, como na maioría dos países desenvolvidos, estase a producir unha diminución progresiva do número de nenas e nenos susceptibles de seren adoptados/as, consecuencia, entre outros factores, do desenvolvemento do sistema de protección á infancia, da evolución favorable das condicións socio-económicas e do descenso xeralizado da taxa de natalidade.
Paralelamente, outros países, por razóns socioeconómicas, non poden asegurar o benestar de amplos sectores de poboación e contan cun gran número de menores en condicións de seren adoptados/as.
Por outra banda, o número de demandantes de adopción aumenta progresivamente, producindo a saturación das listas de adopción nacional e o conseguinte incremento de tempos de espera, feitos que conducen a unha derivación da demanda cara á adopción internacional.
Tal e como recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989, todos os nenos e nenas teñen dereito a crecer nunha familia. A adopción internacional concíbese como un recurso de protección para aqueles menores que non poden crecer no seo da súa familia nin teñen a posibilidade de integrarse noutra familia do seu país. Para garantir que o proceso de adopción internacional se leve a cabo respectando os dereitos dos e das menores e previr a súa subtracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995. Por outra parte, a Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, establece as funcións das administracións públicas en materia de adopción internacional e as das entidades colaboradoras nesta materia, así como a necesidade de que as persoas adoptantes sexan declaradas idóneas pola entidade pública competente.
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, é a entidade pública competente en materia de protección de menores en Galicia e competente, así mesmo, para tramitar os procedementos de adopción e ditar proposta de adopción ante o xuíz no caso da adopción nacional.
O obxectivo deste portal é facilitar e axudar a aquelas persoas que desexen adoptar a un/unha menor nacional ou estranxeiro/a. Pretendemos proporcionarlles elementos de reflexión sobre o alcance da súa decisión, confrontando as súas expectativas coa realidade, informar sobre o proceso legal e dar resposta ás preguntas máis habituais das persoas solicitantes de adopción.