Adopción internacional
Somos un matrimonio que levamos pensando dende hai tempo en adoptar, pero temos medo de que o proceso non sexa totalmente legal. Para evitar isto, en que países poderiamos facelo?
Sempre se recomenda aos solicitantes de adopción internacional que dirixan as súas solicitudes a aqueles países que asinaron e ratificaron o Convenio da Haia en materia de protección e adopción, por ser o instrumento que garante o seguimento dun procedemento transparente que asegure o respecto ao principio do interese superior do menor e aos seus dereitos fundamentais.
Que é o Convenio da Haia?
Para garantir que os procesos de adopción internacional se leven a cabo respectando os dereitos dos nenos e previr a súa substracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995.
Os seus obxectivos son:
• Establecer as garantías para que as adopcións internacionais teñan lugar en consideración ao interese superior do neno e ao respecto aos dereitos fundamentais que lle recoñece o dereito internacional.
• Instaurar un sistema de cooperación entre os estados contratantes que asegure o respecto a ditas garantías e, en consecuencia, preveña a substracción, a venda e o tráfico de menores.
• Asegurar o recoñecemento nos estados contratantes das adopcións realizadas de acordo co Convenio.
Formo parte dun matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a que país podemos dirixir unha solicitude de adopción?
Pode solicitar a adopción en España. No estranxeiro, só nos consta que algúns estados de Brasil aceptarían a súa solicitude.
Podo solicitar a adopción a varios países?
A lexislación da nosa comunidade autónoma non permite solicitar a adopción en varios países á vez, nin cambiar de país unha vez que está feita a valoración de idoneidade. Sería preciso proceder ao arquivo do expediente e iniciar un novo.
Excepcionalmente, cando un país, por circunstancias alleas aos solicitantes, procede ao peche dos procesos de adopción ou se paraliza por diversas circunstancias, si se permite abrir unha nova solicitude co compromiso de arquivar un dos expedientes cando reciba a preasignación dun menor no outro.
Pódese solicitar a adopción dun neno de aquí e outro de fóra?
Si, son compatibles unha solicitude de adopción nacional e outra de adopción internacional. O único que se vai esixir, é que non coincida no tempo a integración dos menores, deberá haber un tempo mínimo entre a integración dunha adopción e da outra.
Canto custa tramitar unha adopción internacional?
Pregunta complexa, que vai a depender de variables como o país, se a documentación ten que ir traducida, legalizada, apostillada, etc. Outra variable importante é se o expediente se tramita polo Ministerio de Sanidade e Política Social ou a través dunha ECAI. Tamén hai que ter en conta os gastos de viaxe e estancia necesaria no país para recoller ao/á neno/a.
De tódolos xeitos, e a modo indicativo, podemos dicir que as tarifas aprobadas pola Xunta de Galicia ás ECAIs oscilan entre os 6.000 € e os 14.500 €.
Canto tería que esperar para adoptar un neno estranxeiro?
Pregunta complexa: dependerá do país, do rango de idade e características do neno para o que fora declarado idóneo e da existencia en cada momento de menores adoptables no país. O tempo de espera será menor se se aceptan e se acredita a idoneidade para grupos de irmáns, nenos que non sexan bebés ou nenos con algunha enfermidade ou necesidade especial.
A título indicativo, e desde que se presenta a solicitude, pode transcorrer un tempo superior aos dous anos, pero tamén pódense dar situacións en que despois de varios anos de tramitacións e espera, se queda sen resolver o expediente no país.
Sempre hai que viaxar a buscar ao neno?
Si, é preciso viaxar sempre ao país, nalgúns, ademais do necesario acoplamento neno-familia, é preciso formalizar a adopción, acudir a xuízos, etc. Noutros, é necesario facer máis dunha viaxe, a primeira para coñecer ao menor e posteriormente unha segunda viaxe para ir a recollelo.
Canto tempo tería que estar no país?
Vai depender de variables como: país, idade dos nenos, etc. En xeral pode oscilar entre uns 10-12 días en países como Etiopía ou Filipinas ata 2 meses en países como a República Dominicana. Ademais, hai países, como por exemplo Rusia ou Polonia, que esixen realizar varias viaxes.
Que información do neno facilitan no país de orixe antes da adopción?
Vai depender do país, da idade do menor, tempo de institucionalización, etc. Nalgúns, limítanse a informes médicos e a sinalar as causas do abandono. Polo contrario, outros envían informes sociais, escolares, psicolóxicos...
Que tipo de problemas acostuman a ter os nenos doutros países?
Cando os nenos chegan á familia adoptiva, fanno cunha bagaxe de experiencias que en ocasións poden ser negativas e adversas, dando lugar a reaccións que requiren grandes recursos por parte dos adoptantes.
En adopción internacional, as solicitudes diríxense a países con escasos recursos socioeconómicos, o que moitas veces implica nos nenos un retraso no seu desenvolvemento integral. Moitos destes problemas desaparecen ao pouco tempo de atopar unha familia adoptiva.
O meu marido é autónomo e suporíalle un gran inconveniente viaxar, podería facelo eu soa?
O período de estancia no país é moi importante para o acoplamento neno-familia. Deben viaxar sempre os dous membros da parella e así o esixen a maioría dos países. Excepcionalmente hai algún país como China, Etiopía... que, con causas moi xustificadas e previa acta notarial de manifestacións e cesión de poderes, permitirían a viaxe dun só dos membros da parella.
Requisitos
Que requisitos se esixen?
Os requisitos comúns para a adopción nacional e internacional son os seguintes:
1) Ter como mínimo 25 anos cumpridos; no caso de solicitude conxunta por cónxuxes ou parellas con relación estable análoga á conxugal, bastará con que un deles teña a dita idade. En todo caso, o adoptante deberá ter, polo menos, 14 anos máis que o adoptado.
2) Ter residencia habitual na Comunidade Autónoma galega ou ser emigrante galego con previsión de retorno; neste caso, deberase xustificar a residencia efectiva na Comunidade Autónoma no prazo máximo dun ano desde a data de presentación da solicitude.
3) Ter plena capacidade xurídica e de obrar.
4) Estar declarada persoa idónea para a adopción, tras o correspondente procedemento de valoración.
En adopción internacional, deberán reunir, ademais, os do país a onde dirixan a súa solicitude.
Pode adoptar unha persoa solteira?
Na nosa Comunidade si é posible a adopción por familias monoparentais, independentemente do seu estado civil ou sexo.
Porén, en adopción internacional non sempre é posible, e ademais é preciso diferenciar entre homes e mulleres. Deste xeito, as mulleres solteiras poden adoptar en varios países, mentres que son escasos os países que admiten solicitudes de varóns; a modo de exemplo, poderíamos citar Brasil, Costa de Marfil ou Panamá.
Se xa teño un fillo, podo adoptar?
Si, sempre que reúna os demais requisitos e sexa declarado/a idóneo/a. Nos requisitos que citan os países, algúns poden dar preferencia aos matrimonios ou parellas que non teñan fillos/as ou establecer condicións adicionais (por exemplo, en Perú, os matrimonios con fillos/as só poden adoptar a nenos ou nenas maiores de 5 anos ou con discapacidade, en Filipinas ten que pasar 2 anos desde o nacemento/adopción do último fillo/a...).
Considérase que desde o nacemento dun/ha fillo/a biolóxico/a ou a integración dun/ha fillo/a adoptivo/a debe transcorrer un tempo prudencial antes de presentar unha solicitude de adopción, para que se consolide a nova situación familiar e tanto a familia como os técnicos de adopción poidan valorar axeitadamente a incorporación dun novo membro. Estímase que o tempo necesario para que se estabilice e consolide a nova situación non debe ser inferior ao ano.
É preciso ter traballo fixo?
Para solicitar unha adopción nacional ou internacional, é preciso demostrar unha estabilidade económica que garanta que se dispoñen dos recursos necesarios para atender ao menor. En adopción internacional, ademais, hai países que esixen uns ingresos mínimos, como por exemplo, China.
Pódense adoptar dous nenos dunha vez?
Si, pero teñen que ser irmáns e as familias ser declaradas idóneas para adoptar a dous menores.
Que enfermidades poderían impedirme a adopción?
En xeral, aquelas enfermidades que impidan prestar aos nenos as atencións e coidados necesarios. Entre estas están as enfermidades incapacitantes, enfermidades mentais, adiccións, etc.
En adopción internacional, hai países que son máis estritos e exclúen a solicitantes con determinadas enfermidades, como por exemplo Filipinas, que non admite solicitantes con diabete...
Estou embarazada, pero sempre quixen adoptar, podo solicitar a adopción?
Considérase que dende o nacemento ou integración dun/ha fillo/a debe transcorrer un tempo prudencial (que non debería ser inferior a 1 ano) antes de presentar unha solicitude de adopción, para que se consolide a nova situación familiar e tanto a familia coma os técnicos de adopción poidan valorar axeitadamente a incorporación dun novo membro.
Estou con tratamentos de fertilidade, pero como o proceso de adopción é tan lento, podería iniciar a adopción?
Segundo o criterio técnico, débense de rematar antes os tratamentos de reprodución asistida, deixar pasar un tempo para a elaboración do duelo e iniciar un proceso de adopción.
Somos un matrimonio que acabamos de ter un bebé, podemos adoptar?
Considérase que desde o nacemento dun/ha fillo/a biolóxico/a ou a integración dun/ha fillo/a adoptivo/a debe transcorrer un tempo prudencial antes de presentar unha solicitude de adopción, para que se consolide a nova situación familiar e tanto a familia como os técnicos de adopción poidan valorar axeitadamente a incorporación dun novo membro. Estímase que o tempo necesario para que se estabilice e consolide a nova situación non debe ser inferior ao ano.
Podo adoptar sendo parella de feito?
Sempre que leve convivindo dous anos como mínimo coa súa parella, pode solicitar a adopción nacional.
En adopción internacional, a maioría dos países esixen matrimonios con diferentes antigüidades, incluso algúns deles diferencian se é o primeiro matrimonio ou sucesivos.
Algúns países como Brasil ou Colombia aceptan parellas de feito, cunha convivencia demostrable de 2 anos no caso do último.
Somos unha parella, ambos divorciados con fillos de anteriores relacións, podemos adoptar xuntos?
Si, poden adoptar, sempre que poidan acreditar que levan convivindo xuntos polo menos dous anos, no caso de adopción nacional.
En adopción internacional hai que ter en conta os requisitos establecidos polos diferentes países.
Para adoptar, necesito ter vivenda propia?
En xeral, tanto en adopción nacional como internacional, non é requisito imprescindible e sería necesaria a valoración doutras circunstancias.
Non obstante, hai países, como por exemplo Rusia, que si esixen ter vivenda propia.
Somos galegos, pero por motivos de traballo vivimos en Madrid, podemos solicitar a adopción en Galicia?
Para solicitar a adopción, é requisito necesario residir na comunidade galega e estar empadroados nela, ou ben ser emigrante galego con previsión de retorno; neste caso, deberase xustificar a residencia efectiva na Comunidade Autónoma no prazo máximo dun ano desde a data de presentación da solicitude.
Procedemento
Estamos decididos a adoptar a un neno ou unha nena, por onde empezamos?
As competencias en materia de protección de menores, están transferidas ás Comunidades Autónomas. En Galicia, a autoridade competente é a Dirección Xeral de Familia e Inclusión. As persoas interesadas deberán dirixirse ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.
Cales son os pasos que teño que dar?
• Asistir a unha reunión informativa na xefatura territorial que corresponda ao seu domicilio. En caso de parellas ou matrimonios, é obrigatorio que asistan os dous membros.
• Asistir a un curso de formación. Os cursos realízanse en Santiago de Compostela, en tres sesións cunha duración de tres horas cada unha delas e separadas cun intervalo dunha semana.
• Presentar a solicitude.
• Proceso de valoración de idoneidade: entrevistas psicosociais e visita domiciliaria e aplicación de test psicolóxicos, se é o caso.
Unha vez obtida a idoneidade continuarase coa tramitación do expediente, que será diferente segundo se trate dunha adopción nacional ou internacional.
Quen fai a valoración de idoneidade?
Correspóndelle ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, a través dos seus equipos técnicos formados por traballadores/as sociais e psicólogos/as, a valoración de idoneidade, tanto nacional como internacional, dos solicitantes de adopción domiciliados na súa provincia.
Canto custa a valoración de idoneidade?
Na nosa comunidade non custa nada, xa que as valoracións de idoneidade son feitas por persoal propio da Consellería de Traballo e Benestar.
Que teño que facer se me declaran non idóneo?
Se lle declaran non idóneo para a Adopción Nacional, poderá recorrer ante o Xulgado de primeira instancia correspondente ao seu domicilio.
No caso de que lle declarasen non idóneo para a Adopción Internacional, poderá recorrer ante o Xulgado de primeira instancia de Santiago de Compostela.
En calquera dos casos, non é preciso presentar reclamación administrativa previa ante a Dirección Xeral de Familia e Inclusión, de conformidade co establecido pola Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.
Se a sentenza non lle é favorable, ou non desexa ir ao xulgado, pode volver a solicitar a valoración de idoneidade transcorridos 3 anos.
Podo escoller ao neno/a e elixir sexo na adopción?
Nun proceso de adopción, nunca se pode elixir nin o neno nin o sexo deste.
Hai algún país, por exemplo Nepal, que a aquelas familias que teñen un fillo biolóxico, preasígnaselles un neno/a do sexo contrario.
Tería dereito a algunha axuda económica pola adopción?
Para facer os trámites de adopción, viaxar ao país, estancia neste, etc. a nosa comunidade non dispón, polo de agora, de ningún tipo de axuda económica específica.
Unha vez culminado o proceso e con sentenza firme, os pais adoptivos teñen dereito ás mesmas axudas que se fora biolóxico.
Unha vez chegue aquí o menor, teño dereito a unha baixa por maternidade?
Si, tendo os mesmos efectos que se o fillo fose biolóxico, iniciándose, a elección, ben a partir da data da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, provisional ou definitivo.
Nos supostos de adopción internacional (que require viaxar ao país de orixe do menor a adoptar), poderá iniciarse ata 4 semanas antes da resolución pola que se constitúa a adopción.
A duración é de 16 semanas, ampliable en 2 semanas máis por cada menor, a partir do segundo, no suposto de adopción ou acollemento múltiples e en 2 semanas adicionais, no suposto de minusvalidez igual ou superior ao 33% do menor adoptado. No caso de que ambos os dous proxenitores traballen, este período adicional distribuirase, a opción dos interesados, que poderán gozalo simultánea ou sucesivamente e sempre de forma ininterrompida.
ECAIs
Que é unha Ecai?
É unha entidade sen ánimo de lucro, legalmente constituída, que colabora na tramitación de expedientes de adopción internacional. No seus estatutos, ten como fin a protección á infancia e garantir no seu proxecto de actuación o respecto ás normas e principios da adopción internacional.
Para ser habilitada pola Xunta, ten que reunir uns requisitos e cumprir as condicións de integridade, competencia profesional e experiencia para cooperar no ámbito da adopción internacional.
A súa función é mediar, é dicir, tramitar o expediente de acordo coa lexislación do país ao que vai dirixida a solicitude, unha vez emitido o certificado de idoneidade pola Xunta de Galicia. Tamén ten unha función de información, asesoramento e apoio ás familias de cara ás condicións e trámites da adopción no país. Percibe dos solicitantes unha compensación económica para facer fronte aos gastos derivados da súa xestión, incluídos os honorarios profesionais.
É obrigatorio tramitar a adopción a través dunha Ecai?
Vai depender do país a onde dirixa a súa solicitude. Así, hai países que non as recoñecen, hai outros nos que é obrigatorio tramitar a través da mediación delas, e por último, hai países que permiten as dúas vías ou opcións.
Coñezo unha Ecai de Barcelona, podería realizar o meu proceso de adopción con ela?
Vai depender do país no que desexe realizar o proceso de adopción. Se para ese país a nosa comunidade autónoma ten acreditada ECAI, vostede está obrigado a realizar a adopción con ela. Se dirixe a solicitude a un país para o que Galicia non teña ningunha ECAI acreditada, si podería ir cunha doutra comunidade autónoma, previa conformidade da comunidade autónoma que ten acreditada a ECAI.

"Un xeito de facer Europa"