Son Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional (ECAI) aquelas que, sen ánimo de lucro e legalmente constituídas, teñen nos seus estatutos como fin a protección de menores, quedando garantido no seu proxecto de actuación o respecto ás normas e principios da adopción internacional. A súa función é mediar, é dicir, tramitar o expediente de adopción, de acordo coa lexislación do país ao que vai dirixida a solicitude, unha vez emitido o certificado de idoneidade pola Xunta de Galicia. Tamén teñen unha función de información, asesoramento e apoio ás familias de cara ás condicións e trámites da adopción no país de que se trate.
Para mediar nas adopcións dun determinado país, as ECAI deben ser habilitadas pola Xunta de Galicia e polo país do que se trate. Para iso deben reunir unha serie de requisitos e cumprir as condicións de integridade, competencia profesional e experiencia para cooperar nun ámbito tan delicado como é a adopción internacional.
Deben dispoñer dunha oficina na Comunidade Autónoma e o horario de atención ao publico será, polo menos, de media xornada. Posúen representantes nos países para os que están habilitadas, figura fundamental para seguir e activar o procedemento de adopción ante as autoridades administrativas e xudiciais pertinentes, mantendo sempre informados aos solicitantes.
Cando en Galicia non exista ningunha ECAI habilitada para tramitar adopcións nun país concreto, os solicitantes que o desexen poden solicitar a mediación de entidades habilitadas noutras Comunidades Autónomas.
As ECAI poden percibir unha compensación económica dos solicitantes, para facer fronte aos gastos derivados da súa xestión, incluídos os honorarios profesionais. Os custos dos servizos serán expostos publicamente nas oficinas das ECAI, previamente autorizados pola directora xeral de Familia e Inclusión.
Ademais, as ECAI poden propoñer ou indicar, a título informativo, os gastos nos que poderán incorrer os solicitantes no país de orixe, alleos á xestión da propia entidade (viaxes, estancia, etc.). Todas estas actuacións e trámites poderán ser xestionados directamente polos solicitantes, sen que, en ningún caso, a ECAI poida condicionar a súa xestión a que estas actividades se contraten coa propia entidade.

"Un xeito de facer Europa"