A adopción internacional ten lugar cando se produce o traslado dun menor con fins adoptivos desde o seu Estado de orixe, onde reside, cara a outro Estado (de recepción) no que residen os pais adoptivos.
Antes de decidir solicitar unha adopción internacional debe facerse un fondo exercicio de reflexión sobre a asunción de responsabilidades e compromisos que comporta a crianza e educación dun neno.
En ocasións, as persoas que queren adoptar están motivadas por sentimentos de solidariedade coa infancia desfavorecida, pero non se debe confundir solidariedade con paternidade. Existen diferentes maneiras de ser solidario, pero a adopción non é unha delas.
Na adopción dun menor de orixe estranxeira intervén, ademais da lexislación española, a do país de orixe do neno; entre elas hai toda unha serie de diferenzas, que van desde os requirimentos esixidos ata os efectos que se outorgan á adopción, pasando polo procedemento de constitución da adopción ou as autoridades que nel interveñen. Así, existen adopcións plenas, que supoñen unha ruptura total dos vínculos xurídicos do menor coa súa familia biolóxica, e non plenas ou simples, o que supón que, a pesar da creación dun novo vínculo de filiación entre o adoptado e os pais adoptivos, non se produce unha ruptura total dos vínculos xurídicos preexistentes entre o menor adoptado e a súa familia de orixe.
Que o menor pertenza a un país distinto implica diferenzas culturais, étnicas e de idioma, que imprimen a estas adopcións características propias. Este factor incrementa as dificultades de adaptación ás condicións da unidade familiar, que se verá modificada pola incorporación dun novo membro cunha historia allea a esta, e requirirá un considerable esforzo de acomodación.