Segundo se sinala na Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, aprobada e ratificada por España o 30 de novembro de 1990, "os Estados Partes que recoñecen ou permiten o sistema de adopción coidarán de que o interese superior do neno sexa a consideración primordial".
En España, estase producindo unha diminución progresiva do número de nenas, nenos e adolescentes susceptibles de ser adoptadas/os, consecuencia entre outros factores, do desenvolvemento do sistema de protección á infancia, da evolución favorable das condicións socioeconómicas e do descenso xeneralizado da taxa de natalidade.
Noutros países, a adopción internacional, é unha medida subsidiaria da adopción nacional, e doutras medidas do sistema de protección de menores, polo que aumenta progresivamente o número de persoas que se ofrecen para a adopción mentres diminúe o número de nenos, nenas e adolescentes en situación de adoptabilidade.
Para garantir que o proceso de adopción internacional se leve a cabo respectando os dereitos dos e das menores e previr a súa substracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995.
Tal e como recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989, todos os nenos e nenas teñen dereito a medrar nunha familia.
Por outra banda a Lei 54/2007 de adopción internacional, establece as funcións das administracións públicas en materia de adopción internacional e as dos Organismos Acreditados de Adopción internacional (OAA) colaboradores nesta materia, así como a necesidade de que as persoas que se ofrecen para a adopción sexan declaradas idóneas pola entidade pública competente.
A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, é a entidade pública competente en materia de protección de menores en Galicia, e competente así mesmo, para tramitar os procedementos de adopción e presentar proposta de adopción ante o/a xuíz/a no caso da adopción nacional.
O obxectivo deste Portal, é facilitar e axudar a aquelas persoas que desexen ofrecerse para adoptar a un neno, nena ou adolescente, nacional ou estranxeiro/a.
Pretendemos proporcionarlles elementos de reflexión sobre o alcance da súa decisión, confrontando as súas expectativas coa realidade, informar sobre o proceso legal, e dar resposta ás preguntas máis habituais das persoas que se ofrecen para a adopción.
"Un xeito de facer Europa"